
A Coruña, 13 de marzo de 2019.
A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA), fixo hoxe un chamamento aos milleiros de galegos que perderon o valor total das súas accións do Banco Popular tras a súa compra polo Santander a sumarse á acusación particular aberta perante o Xulgado Central de Instrución número 4 de Madrid, que investiga as responsabilidades penais nas que puideron incorrer a entidade financeira e os seus antigos xestores.
O secretario xeral de ACOUGA, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, explicou que os clientes que compraron accións antes e despois da ampliación de capital emitida polo Popular en xuño de 2016 poderían reclamar compensacións polos prexuízos económicos sufridos en xuño de 2017.
O letrado calcula que podería haber uns 15.000 pequenos investidores afectados en toda Galicia, pequenos aforradores -sobre todo do Banco Pastor e o Banco de Galicia antes da súa compra polo Popular- que, como complemento das súas pensións, investiron nunhas accións que agora xa non valen nada.
Citou, como exemplos do prexuízo causado, a particulares galegos que perderon ata 750.000 e 400.000 euros, e outros cuxo dano patrimonial ronda os 100.000, pero tamén a milleiros con cantidades máis cativas.
Ata o de agora, xa son 40 as persoas incluídas na acusación particular a través de ACOUGA, e desde Asociación animan ao resto dos afectados a facer o mesmo.
A este respecto, o presidente da Asociación, Manuel Pérez Arias, explicou que unha representación legal colectiva “é a ferramenta axeitada para un gran número de pequenos consumidores”, por ser economicamente asumible e porque contribúe a evitar un colapso xudicial.
Para sumarse á acusación particular de ACOUGA e non incorrer en gastos legais elevados abonda con asociarse, cun coste mensual de 10 euros, e outorgar un poder notarial de representación aos letrados da Asociación sen ánimo de lucro.
Pola súa banda, Pérez-Lema sinalou que este é un momento procesual oportuno, xa que están á espera de que se coñeza, en maio ou xuño, o informe pericial de inspectores do Banco de España sobre o acontecido na xestión do Banco Popular.
Explicou que, a diferenza da acusación popular, a través da acusación particular pódense negociar co Santander posibles compensacións chegado o caso. “Estamos seguros de que, tras o informe, o Santander vai poñer cartos enriba da mesa para negociar e nós queremos que os consumidores galegos estean alí representados”, engadiu o secretario xeral de ACOUGA.
En todo caso, se o Santander resulta condenado, como herdeiro do Popular tería con facer fronte ás responsabilidades penais e civís que no seu caso acordase o xuíz. “O primeiro é a reparación económica -remarcou- e despois se alguén ou varios teñen que ir ao cárcere, tamén nos ocuparemos diso”.
Abanca xa pagou ao 60% dos prexudicados
En canto á demanda colectiva que gañou ACOUGA contra Abanca o pasado mes de novembro polas cláusulas de chan, o presidente de ACOUGA informou de que, a partir do 21 de xaneiro, a entidade financeira xa foi devolvendo os cartos ao 60% dos asociados adheridos a este procedemento.
Hai unha pequena porcentaxe na que se teñen detectado algúns ingresos “que non se corresponden co estudo económico” previo, ás veces con “distorsións importantes de 6.000 e 8.000 euros”, sobre os que ACOUGA xa está intervindo. A previsión é que a mediados do mes que vén estean rematados todos os pagos.
Desde ACOUGA recórdase que para sumarse á acusación particular contra o Popular/Santander os afectados poden chamar aos teléfonos 981 113 402, 674 597 306 e 678 981 524, ou poñerse en contacto coa Asociación no enderezo electrónico acouga@acouga.net.