Afectados polo corte da AP-6

Afectados polo corte da AP-6

Os bonos trampa do Santander

Os bonos trampa do Santander

O Santander vén de lles ofrecer aos consumidores e pemes que mercaron na ampliación de capital do Popular da primavera do 2016 unha compensación a medio da entrega de bonos perpetuos pola mesma cantidade investida para os que investiron 100.000 € ou menos. Estes bonos perpetuos poderían ser amortizados unilateralmente polo Santander, pagando o seu valor nominal, despois de sete anos. Sete anos nos que rendírían un canon do 1% anual, de pagamento discrecional e, xa que logo, non asegurado.
Adicionalmente, o Santander obrigaralles a estes accionistas a renunciar non só ás accións xudiciais pola nulidade da suscrición destas accións, senón a calquera contra estes bancos e os seus anteriores administradores, tamén pola perda de valor das accións adquiridas antes e despois da devandita ampliación.
Estes bonos perpetuos son unha trampa. No mellor dos casos, se investimos 20.000 € en xuño de 2016 recibiremos o vindeiro setembro bonos por 20.000 € que só nos renderán 50 €/trimestre de xuros durante sete anos. Dende setembro de 2024 o Santander poderá rescatar estes bonos pagando 20.000 €, mais isto depende da súa libérrima vontade, os bonos son perpetuos. Como bonos perpetuos accederán a un mercado de débeda secundaria. Mais pola limitada contía da súa emision e pola súa falla de atractivo o aforrador que precise vendelos para obter cartos líquidos vaino ter moi difícil. Haberá compradores cando poidan mercar cun forte desconto. Do 40% ou 50% ou quizais maior.
A evidencia das graves insuficiencias, contradicións e falsidades da información que o Popular facilitou aos investidores da súa ampliación en maio de 2016 determina que estes accionistas poidan recuperar todo o seu investimento, xunto cos seus xuros ao 3% dende xuño de 2016 e custas, a medio dunha demanda xudicial. Porque contrataron mediando un erro substancial xerado pola información do banco. Un moi previsíbel resultado xudicial que non é novo. Xa o vimos canda o axuizamento da saída a Bolsa de Bankia.
A oferta do Santander é gravemente prexudicial para os accionistas da ampliación de capital do 2016 do Popular, condenados á falla de liquidez dos seus bonos, cando non a vendelos a graves perdas.

Xoán Antón Pérez Lema

Xoán Antón Pérez Lema

Secretario Xeral de ACOUGA.

O Alvia e o bipartidismo unionista.

O Alvia e o bipartidismo unionista.

A abstención do PSOE vén de impedir que o Parlamento galego crease unha Comisión para a investigación do sinistro do Alvia en Angrois, no que morreron 81 persoas. Precisábanse regulamentariamente un 40 % de deputados (29) e só se acadaron os 20 favorábeis de En Marea e BNG.
PP e PSOE, o bipartidismo unionista, sempre quixeron agachar a verdade do caso Alvia. Tanto polos intereses do lobby construtor do AVE español (que arriscaba un importantísimo contrato na Arabia) canto pola emenda á totalidade á xestión dos ministros de Fomento José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP), que puxeron en marcha e mantiveron a liña Ourense-Compostela sen dotala do sistema europeo ERTMS, presente en todas as liñas do AVE español. Un sistema seguro que prevé os accidentes causados por despistes do maquinista.
Feijóo criticou, poucos días despois do accidente, o dano que as críticas e pescudas podían xerarlle ao AVE español como marca e negocio. Rueda parou dende a Consellaría de Xustiza o nomeamento dos peritos independentes Hugo Ramos e Alfredo Matesanz para impor funcionarios da Xunta absolutamente incompetentes para un traballo desta caste, como Lamela e Carballeira. Ana Pastor amañou unha Comisión de Investigación (CIAF), que culpou só ao maquinista. As conclusións desta CIAF foron duramente criticadas pola Axencia Ferroviaria Europea pola súa parcialidade e falla de independencia. Mentres, altos dirixentes do PSOE estatal dicían en público que “el accidente de Santiago fue culpa de un maquinista y no hay nada que investigar”.
PP e PSOE definiron un AVE para todo o Estado e aplicaron na Galicia unha versión devaluada, con curvas perigosísimas como a d’A Grandeira e na que non se garantía a seguranza a medio do sistema de reforzo ERTMS. Mais a reapertura do caso xudicial pola Sección compostelá da Audiencia e o ditame da Axencia ferroviaria europea pode modular no futuro a teimosía do bipartidismo unionista por agachar os gravísimos erros da xestión do ADIF baixo os seus Ministros. Porque a maioría da cidadanía sabe que se lle agachou a posibilidade de coñecer a verdade, culpando de todo ao maquinista.

Xoán Antón Pérez Lema

Xoán Antón Pérez Lema

Secretario Xeral de ACOUGA.

Gobernarmos as estradas

Gobernarmos as estradas

 

 

Hai dúas competencias que son fulcrais no artellamento do autogoberno galego, porque resolverían moitos problemas e mellorarían o noso benestar: a competencia sobre a AP-9 (a autoestrada do Atlántico) e máis a xestión do tránsito nas nosas vías interurbanas, hoxe nas mans da DGT estatal.

A Garda Civil de Tráfico impón 147 multas por 1.000 habitantes no noso país, mentres que a media nos outros 13 territorios que xestiona (todos menos Navarra, Euskadi e Catalunya, nos que teñen transferidas as competencias e nos que actúa cadansúa policía autonómica) é de 85. É dicir, poñen 170.000 multas máis. Un lote  de cartos que perdemos os galegos. Porque Galicia ten unha poboación espallada que precisa moito máis do transporte privado, tendo en conta a nosa carencia de servizos ferroviarios de proximidade.

No 2008 o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) foi quen de artellar unha coalición nacional unánime co PP e PSOE no Parlamento de Galicia para acadar a transferencia das competencias de tránsito. En setembro do 2010 a pulsión unionista de Pepe Blanco, consentida polo ZP e pola abstención do PP, rexeitaba no Congreso de Madrid a proposición galega, coa indigna abstención do PP. Pedro Puy (PPdeG) e Xaquín F. Leiceaga (PSOE) non podían aturar a vergoña.

Precisamos dun sistema de regulación do tránsito que mire cara a nosa seguranza vial e non á recadación da DXT e do Goberno do Estado. E, tamén, dunha xestión galega da AP-9, orientada a liberalizar a peaxe na vía máis importante da nosa nación. Para máis, o normal sería, ao tempo, transferirmos a xestión do mantemento das estradas estatais. Cómpre transferir á Xunta, por nidias razóns de economía e operatividade, todos os kms de estradas, que absurdamente aínda fican na xestión dun lonxano, incompetente e inoperante Ministerio de Fomento.

Velaí a necesidade desta transferencia. E para xestionármola contamos coa mellor policía territorial de Tránsito, os gardas civís, pero a estrutura xerárquica e militar da Garda Civil faina impracticábel para esta función. Porén, as bases legais do Estatuto e da Lei de Policía galega fan posíbel a xestión galega das estradas.

Claro é que esta legalidade sería unha realidade se o presidente Feijóo e o vice Rueda actuaran na defensa dos intereses galegos e non desenvolveran a meritoriaxe unionista que desenvolven día a día.

Xoán Antón Pérez Lema

Xoán Antón Pérez Lema

Secretario Xeral de ACOUGA.

DEMANDA COLECTIVA DE ACOUGA CONTRA ABANCA, POLA RETROACTIVIDADE DAS CLÁUSULAS CHAN

DEMANDA COLECTIVA DE ACOUGA CONTRA ABANCA, POLA RETROACTIVIDADE DAS CLÁUSULAS CHAN

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA), pon en coñecemento dos seus asociados e dos medios de comunicación, que o 14 de febreiro de 2017 publicouse no BOE a resolución do Xulgado do Mercantil Nº1 da Coruña, onde está admitida a trámite a demanda colectiva contra Abanca.
En consecuencia, informamos aos afectados polas Cláusulas Chan de ABANCA, adheridos á demanda, que queda paralizado o curso da mesma durante dous meses, periodo no que os asociados deberán aportar correctamente toda a documentación solicitada, tendo como prazo límite o 6 de abril de 2017.
Desde ACOUGA, facemos un chamamento a todos aqueles afectados polas Cláusulas Chan de ABANCA que non teñan feito reclamación e que queiran exercer o seu dereito a reclamar colectivamente, a que se poñan en contacto con ACOUGA e se adhiran a esta demanda colectiva, antes do prazo arriba indicado.

 
La Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) pone en conocimiento de sus asociados y de los medios de comunicación que el 14 de febrero de 2017, fue publicada en el BOE la resolución del Juzgado de lo Mercantil Nº1 de A Coruña, donde está admitida a trámite la demanda colectiva contra Abanca.
En consecuencia, informamos a los afectados por las Cláusulas Suelo de ABANCA adheridos a la demanda, que queda paralizado el curso de la misma durante dos meses, período en el que los asociados deberán aportar correctamente toda la documentación solicitada, teniendo como plazo límite el 6 de abril de 2017.
Desde ACOUGA, hacemos un llamamiento a todos aquellos afectados por las Cláusulas Suelo de ABANCA que no hallan efectuado reclamación y que quieran ejercer su derecho a reclamar colectivamente, a que se pongan en contacto con ACOUGA y se adhieran a la demenda colectiva, antes del plazo arriba indicado.

ACOUGA

Afectado polo corte de suministro eléctrico?…. Podes reclamar.

Afectado polo corte de suministro eléctrico?…. Podes reclamar.

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA), pon ao dispor dos afectados un formulario para a reclamación pola incidencia da interrupción na subministración eléctrica. Este formulario, podése presentar directamente como reclamación, sexa ante a empresa comercializadora ou distribuidora, ou ben perante o Instituto Galego de Consumo, as OMICs ou no rexistro das oficiñas municipais en aqueles Concellos que non conten coa OMIC.

O formulario está redactado de xeito moi xeral, para que serva de reclamación para todos os casos deste fin de semá. No apartado “Lugar e data dos feitos”, os afectados deberán indicar o número de horas de interrupción, ou número de interrupcións do subministro eléctrico, os posibles danos en electrodomésticos, ou os posibles desperfectos en consumibles que precisen refrixeración.

As canles para reclamar son preferiblemente iniciar a vía previa, marcada pola reclamación ante a comercializadora ou distribuidora, para que transcorridos 2 horas se o servizo non está restablecido ou 5 días se finalmente o está, responda a empresa. Unha vez respostada, ou non respostada en tempo, poderase presentar reclamación en consumo ou nos servizos de industria. ACOUGA recomenda a os afectados, que acudan ao sistema arbitral de consumo. No caso de que non sexa unha empresa adherida ao sistema de arbitraxe, ou se elixa así, pódese acudir a via xudicial para interpor unha demanda civil ante os órganos competentes.

Para mais información ou asesoramento, os afectados poden contactar con ACOUGA, no teléfono 981 113 402, no correo acouga@acouga.net , ou con calquera dos avogados colaboradores da Asociación en A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Ames-Bertamiráns, Lugo, Monforte de Lemos, Vilalba, Ourense, Barbadás, Pontevedra, Vigo, Lalín, Vilagarcía de Arousa e Combarro.

Infórmate, asesórate, reclama. Defende os teus dereitos!!