O Nadal e a creatividade económica.

O Nadal e a creatividade económica.

Non fai falla ser un experto en economía para decatarse de que os prezos suben nestas datas, chegando a un incremento moitas veces dun 200% ou incluso dun 300%. Mercar segundo que peixes, mariscos ou calquera sorte de viandas típicas do Nadal, resulta perxudicial para o peto.

As recomendacións para un consumo responsable e a creatividade de cada un á hora de preparar un menú atractivo sen caer na bancarrota son as claves do éxito.

Vexamos que podemos facer para racionalizar o consumo nestas datas.

O primeiro é partir da base de que imos facer as nosas compras nos lugares habituais, xa que coñecemos a calidade dos produtos e sempre podemos ter unha confianza de que o que imos adquirir non nos vai deparar sorpresas desagradables.
Se queremos aforrar temos que ter máis ou menos claro que queremos poñer na nosa mesa, comparar prezos nos nosos establecementos de referenza, e barallar as posibilidades.

Podemos mercar cuns días de antelación e preparar adecuadamente a súa conxelación, ou ben cerciorarnos de que imos ter o produto desexado o mesmo día, para mercalo a última hora e saber que o prezo vai ser máis económico, xa que pasada determinada hora van tirar a vender máis barato para que non lles quede a mercadoría no posto. Iso si, optemos por calquera das opcións, temos que comprobar a frescura do produto e todas as garantías. Por iso é tan importante mercar onde acostumamos a facelo o resto do ano.

Logo xa entra a nosa creatividade e os produtos alternativos. Quen di que non podemos preparar menús deliciosos a prezos axustados? Hai milleiros de receitas alternativas que resultarían unha delicatessen para os padais máis esixentes, e sen ter que destrozar o peto.
Uns mexillóns preparados en cunchas de vieiras, coa súa receita tradicional, un polo de curral recheo, peixe ao forno…. As posibilidades son infinitas, como infinita a imaxinación das e dos economistas e cociñeiros do día a día, das e dos os amos de casa que fan xogos malabares para ter unha mesa posta para a súa familia cun presuposto que non estira por moito que tires del.

No consumo responsable e a creatividade é onde podemos sair airosos destas festas. E lembrar que o fundamental non é o consumismo, senón o valor das cousas que non teñen prezo.