Máis xulgados para as cláusulas chan.

Máis xulgados para as cláusulas chan.

A sentenza do Tribunal Supremo de 9 de maio de 2013 declarou nulas por abusivas as cláusulas de chan dos préstamos hipotecarios dos consumidores de NCG Banco, S.A. (hoxe ABANCA), BBVA e Cajamar, mais os seus efectos fixáronse dende esa data e non dende a data de sinatura dos préstamos, ao consideraren que a total retroactividade ía prexudicar gravísimamente o sistema bancario español. Tratábase dunha teoría xurídica de patacón que tentaba protexer á Banca e que foi desbotada de todo pola Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 21 de decembro de 2016. Éste declarou que, no caso de que un xuíz declare nula por abusiva unha cláusula contractual, hai que repoñer ao consumidor na posición que tería se nunca se aplicase a cláusula. Ou sexa,  devolverlle os cartos cobrados de máis dende a mesma data do préstamo e, ademáis, pagarlle os xuros legais (3% anual arestora) dende a data dos pagos indebidos.
Eventualmente (case) todas as cláusulas de chan impostas aos consumidores por outras entidades bancarias tamén son abusivas e, xa que logo, nulas. Velaí que o Goberno do Estado tente favorecer a Banca cun sistema de mediación sen garantías, que enfronta ao consumidor nun claro plano de desigualdade co seu banco. Pista para acordos relativamente prexudiciais (quitar a cláusula sen pagar atrasos, non pagar xuros polos atrasos, devolver en especie e non en cartos…) ou para atrasos inxustificados.

SÓ COA RECLAMACIÓN XUDICIAL ACADARÁ O CONSUMIDOR A REPARACIÓN ÍNTEGRA DO SEU DEREITO.
A vaga de preitos das preferentes e subordinadas (lembremos as limitacións da solución arbitral da Xunta) amosounos que só coa reclamación xudicial acadará o consumidor a reparación íntegra do seu dereito, percebindo as cantidades adebedadas dende o comezo, os seus xuros legais e, eventualmente, os gastos de avogado e procurador. O sistema de mediación bilateral do que fala o Goberno Rajoy xoga a prol da Banca, que tentará diluir os efectos da enxurrada xudicial en varios anos ou chegando a acordos propios de campaña de rebaixas.
O que cómpre é dotar de máis xulgados, con cadanseus xuíces e funcionarios, para que os consumidores acaden a satisfacción do seu dereito e obteñan unha sentenza a tempo. Cara eventuais atrasos cómpre lembrar que só o consumidor que reclame xudicialmente cobrará intereses sobre as cantidades indebidamente pagadas.