Demanda colectiva contra ABANCA

 

En que consiste a demanda colectiva contra ABANCA?

 

Exercítase unha acción colectiva na defensa dos intereses dos consumidores afectados pola comercialización de préstamos con garantía hipotecaria a tipo de interese variable con inserción dunha “cláusula chan”, interesando a devolución das cantidades cobradas en exceso que faltan por devolver por parte da entidade bancaria, dende as datas de contratación dos préstamos ata a data de efectividade da eliminación xudicial da cláusula chan na operativa dos préstamos (09/05/2013), acordada pola Sentenza do Tribunal Supremo de 9 de maio de 2013.

 

Quen pode demandar? 

 

Quen sexa titular, como persoa física, dunha hipoteca con cláusula chan e que:

Non teña xa unha sentenza xudicial firme, favorable ou desfavorable, no marco dun proceso xudicial individual.
Non atoparse en curso nun proceso xudicial por este obxecto tramitado contra a entidade bancaria demandada.
Non se teña verificado un acordo transacional sobre este obxecto entre ámbalas dúas partes que exclúa a reclamación das cantidades pagadas antes de 9 de maio de 2013.

A esta demanda, pois, só se poden adherir os titulares de préstamos de CAIXA GALICIA, CAIXANOVA e NCG Banco S.A., Novacaixagalicia, suscritos antes de maio do 2013.

 

Prazo para a adhesión.

 

O Xulgado do Mercantil nº 1 da Coruña publicou no BOE, o 14/02/2017, a resolución de admisión a trámite da demanda colectiva contra a ABANCA. (Procedemento ordinario 251/2016), polo que:

Se suspenden os Autos por un prazo de 2 meses.

Os asociados teñen de prazo ata o 06/04/2017 para entregar toda a documentación solicitada.

Os non asociados teñen tamén esa data como límite para facerse socios e entregar a documentación solicitada.

 

Custe económico.

 

A adhesión á devandita demanda colectiva non ten máis custe económico, nin requisito, que darse de alta como asociado de ACOUGA polo período mínimo dun ano (10€/mes, 120€ ao ano) e, adicionalmente, durante o tempo de resolución de todo o proceso xudicial no caso de que exceda dun ano (10€/mes). Só se require unha inscrición por interesado (independentemente de que sexan varios titulares do préstamo).

A ficha de inscrición debe enviarse ao correo electrónico que figura na mesma: acouga@acouga.net  , xunto con copia do DNI.

Unha vez tramitada a alta de asociado, ACOUGA enviará un novo correo indicando a documentación a presentar e instruccións para facer o APUD xudicial.

 

Documentación precisa para adherirse á demanda

 

Escritura do préstamo hipotecario (indicando, se é posible, a páxina na que figura a cláusula chan). Se a súa escritura hipotecaria provén dunha SUBROGACIÓN no préstamo do promotor deberá aportar copia da hipoteca orixinaria, que é a que contén os datos relativos ao tipo de interese do préstamo e a existencia da cláusula chan (pode solicitar unha copia na entidade bancaria, na Notaría na que fixo a hipoteca ou pedirlla ao promotor). Se na escritura de subrogación xa figurasen eses datos xa non sería preciso a escritura orixinaria.

Escritura/s de novación/novacións (modificacións do préstamo) posteriores (no caso de que as houbera).

Copia do D.N.I. de tódolos titulares do préstamo (e avalistas, se os houbera, xa que tamén serán demandantes). No caso de falecemento dun dos titulares, aportar copia de certificado de defunción, declaración de últimas vontades, testamento e aceptación de herdanza (ou declaración de herdeiros ab intestato se non houbo testamento), e copia do D.N.I. dos herdeiros.

 

No caso de que o préstamo xa fora cancelado (é dicir, abonado na súa totalidade), xustificante bancario acreditativo da cancelación.

 

MOI IMPORTANTE:

A documentación debe remitirse escaneada en formato PDF. Cada documento por separado nun arquivo (cada documento, non cada folla).

Enviala á dirección de correo electrónico:      colectiva@acouga.net