ACOUGA

ACOUGA, Asociación Galega de Consumidores e Usuarios, nace en febreiro de 2014, das resultas da fusión de dúas Asociacións preexistentes: a Asociación Galega de Afectados por Produtos Financeiros (AGAPROFI), fundada en maio de 2012 e orientada ao asesoramento xuridico e defensa en xuizo dos galegos afectados pola fraude da comercialización bancaria de obrigas subordinadas e participacións preferentes e máis a Asociación de Usuarios de Caixas de Aforro e Banca (ADUCAB), fundada a fins do século XX por sobranceiros pioneiros, a partires da convicción de que as Caixas de Aforro íanse desnaturalizando na súa fasquía de entidades de base social e fundacional e converténdose en entidades de feito privatizadas polos seus xestores que tendían a usar delas coma se fosen Bancos privados, destinándoas a operacións de crédito imobiliario aos promotores (e outras) incompatíbeis coas súas fins fundacionais.

Sen dúbida estes dous momentos históricos, a deriva privatizadora das Caixas e a crise das preferentes, marcaron as dúas sensibilidades que agora conflúen en ACOUGA. Unha entidade que nace para representar os intereses dos consumidores e usuarios galegos dende esta historia de traballo no eido bancario e financeiro. Consciente de que os principais problemas de consumo, dende unha perspectiva político-social, abrollan non só neste eido, senón tamén nos sectores asegurador, enerxético e das telecomunicacións, ámbitos nos que os consumidores e usuarios viven desprotexidos, por se tratar de sectores regulados nos que os operadores empresariais tentan actuar dando as custas á regulación vixente e ignorando os dereitos dos usuarios. Xa que logo  esta nosa asociación, ACOUGA, terá por obxectivo fulcral   defender e representar os intereses dos nosos cidadáns.

E velaí o cerne do ADN de ACOUGA, canda a súa evidente galeguidade de orixe e exercicio: o espirito de cidadanía. Porque para os que hoxe fundamos ACOUGA dicirmos dereitos dos consumidores ou dereitos dos usuarios é dicirmos dereitos da cidadanía. Porque pensamos que para entender os abusos na comercialización da enerxía eléctrica no noso País hai que coñecer o marco que permite o oligopolio colusorio das grandes distribuidoras-comercializadoras eléctricas (GAS NATURAL-FENOSA, ENDESA e IBERDROLA). Porque pensamos que os abusos no sector das telecomunicacións e asegurador só entrarán en solución coa estrita regulación que deriva dunha autentica libre concorrencia. Porque pensamos que o proceso de concentración financeira e oligopolio bancario é un proceso prexudicial para empresas e usuarios e

alimentado dende determinados Poderes Reguladores internacionais que teñen cedido no seu labor por mór da súa conivencia cos beneficiarios desta vulneración dos dereitos dos consumidores, patente na nosa historia recente coa comercialización das preferentes e análogas, coas cláusulas hipotecarias adoito e coas altísimas comisións que a Banca carga, sen contraprestación, nos seus usuarios.

Está é a razón para que  ACOUGA naza dende a pluralidade, a transversalidade social e o apartidismo, máis nunca dende un apoliticismo cómplice. Porque só unha cidadanía consciente constitúe unha poboación formada nos seus dereitos como consumidores e usuarios. Porque, PARA SERMOS CONSUMIDORES E USUARI@S GALEGOS TEMOS DE SER, POR RIBA DE TODO, CIDADÁNS E CIDADÁS DESTE PAIS.

Porén, dende a definición desta opción cívica, tentaremos ofrecer a meirande calidade técnica na nosa provisión de servizos, nas nosas analises e nas nosas propostas as Administracións Públicas e á sociedade civil. Cos compromisos de defender os intereses dos consumidores e usuarios galegos; de asesorar xurídica e técnicamente aos consumidores e usuarios, en xeral e a outras entidades coma asociacións e fundacións sen ánimo de lucro; e exercitando cantas accións, tanto xudiciais coma extraxudiciais, sexan precisas, ACOUGA acadará a súa función no horizonte: mellorar o exercicio dos dereitos de todos, o benestar e máis a calidade de vida da cidadanía ó tempo que uns mercados máis regulados e equilibrados a prol dos seus operadores máis indefensos.

Z

Cumprindo o mandato acordado na Asamblea Xeral, confirmación oficial da inscripción da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios ACOUGA, no rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia do Instituto Galego de Consumo.